Aberto o prazo de entrega dos monólogos en galego

As persoas inscritas no VI Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, organizado pola Concellería de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña, podedes enviar a vosa proposta ata o 5 de decembro.

Os monólogos xa inscritos enviaranse por correo electrónico a educacion@coruna.es. Lembramos que estes non deberán conter linguaxe sexista e racista nin palabras malsoantes e que deberán respectar a dignidade das persoas. Ademais do texto principal, incluirase a seguinte información: o título do mónologo, o nome e apelidos do/a autor/a ou autores/as, a categoría na que compiten e o centro educativo no que estudan.

Así mesmo, no caso do alumnado menor de idade, é necesaria a autorización dos/as pais/nais ou titores/as legais para o uso da súa imaxe no libro dixital.

Á convocatoria deste ano presentáronse 41 monólogos: 20 na categoría A (1.º e 2.º da ESO), 13 na B (3.º e 4.º da ESO) e 8 na C (bacharelato e FP). En total, participan 70 alumnos/as de cinco centros da cidade: IES Ramón Menéndez Pidal (Zalaeta), IES Elviña, IES Monte das Moas, CPR Salesiano San Juan Bosco (Salesianos) e CPR Andaina.

Animamos a todo o alumnado e profesorado de educación secundaria do Concello da Coruña a asistir á gala deste certame, que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro o mércores 20 de decembro a partir das 18.00 h!