A infancia, protagonista no pleno do Concello da Coruña

Image

Hoxe conmemoramos o 28.º aniversario da Convención sobre os Dereitos dos Nenos e das Nenas (CDN) cun pleno infantil que dará comezo ás 11.30 h no noso Concello.

O alcalde e a concelleira de Xustiza Social e Coidados atenderán esta mañá unhas peticións moi especiais. O alumnado representante do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda intervirá reivindicando o dereito á saúde; o do CPR Santo Domingo, polo dereito á educación; o do CEIP San Francisco Javier, polo dereito ao xogo; o do CEIP Juan Fernández La Torre, polo dereito á participación, e, finalmente, o do CPR Plurilingüe Calasancias en defensa do dereito á protección.

A CDN é un tratado internacional da Asemblea Xeral de Nacións Unidas e a primeira lei internacional sobre os dereitos dos nenos e das nenas “xuridicamente vinculante”. No artigo 12 recolle a necesidade de darlles a oportunidade de ser escoitados/as en todos os procedementos sociais que lles afecten, e este artigo está relacionado co 13, que alude ao seu dereito á liberdade de expresión. En cumprimento disto, o Concello da Coruña celebra cada ano este pleno infantil no que os/as pequenos/as participantes expoñen as conclusións sobre os seus dereitos, ás que chegaron en debates mantidos nas aulas, así como presentan unha proposta de mellora e formulan unha pregunta.