VIII Festival CinEOI Coruña 2018

CinEOI 2018

A Gala de entrega de premios CinEOI2018, na Escola Oficial de Idiomas, tivo lugar o xoves 3 de maio, á que se presentaron 28 curtametraxes.

Presentáronse 28 curtas: 8 curtas á categoría absoluta, 12 á categoría xuvenil e 8 á infantil que foron proxectadas o 2 de maio, xunto ca curta “Estragos” gravada polos 9 alumnos/as do “Obradoiro achegamento práctico ao proceso de realización dunha curtametraxe”, organizado polo Concello da Coruña e impartido por Omar Rabuñal.

Contou coa presenza da concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que entregou os premios promovidos polo Concello da Coruña. Foi presentada pola actriz Isabel Risco e coa actuación da cantautora MJ Pérez.

Resultando premiadas cos premios outorgados polo Concello da Coruña as seguintes curtas:

- A “Mellor curta” da categoría absoluta a curtametraxe titulada “Mentiras Sociais” de Ana López Ramos da EASD Pablo Picasso da Coruña.

- Premio “Ben falado” da categoría xuvenil a curtametraxe titulada “Dobre Cara” do IES Manuel Murguía de Arteixo.

- Premio “Ben falado” da categoría infantil a curtametraxe titulada “Os 5 anos da norte” do CEIP Ramón de la Sagra da Coruña.

E o “Premio do público” para a curtametraxe titulada “Viaxe contrarreloxo” do CEIP Manuel Murguia da Coruña.

Organizado polo Equipo de dinamización lingüística da Escola Oficial de Idiomas (EOI) e o Concello da Coruña co obxectivo de promover a creatividade audiovisual en galego, entre os estudantes das EOI da provincia da Coruña (da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Ferrol) e as súas seccións, o CIFP Escola de Imaxe e Son e a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso na categoría absoluta; e estudantes de 3º ciclo de Educación Primaria, ESO, bacharelato e FP dos centros públicos e concertados do Concello da Coruña nas categorías infantil e xuvenil.

O Concello da Coruña colabora en dúas fases do concurso:

- Organización e finanzamento do “Obradoiro achegamento práctico ao proceso de realización dunha curtametraxe”.

- E outorga os seguintes premios:

  • “Mellor curta” na categoría absoluta, consistente nun Curso de Interpretación ou de Cámara e Realización ou de Guión para dúas persoas impartido por Voz Audiovisual e valorados en 750€, cofinanciado polo Concello da Coruña (abono das mensualidades 450€) e Voz Difusión Noticias SLU (matrícula 300€).
  • Os premios “Ben falado” das categorías xuvenil e infantil, consistentes nun lote de libros en galego valorados en 250€, cada un.

A aportación municipal ten un custo total de 2.575,00 €.

Máis información:

Canle Youtube: https://www.youtube.com/channel/UC1bFWvhVW154ZfnzCm-lDDw