O proxecto O Noso Patio do CEIP Sanjurjo de Carricarte recibe un premio Ludantia

O proxecto participativo O Noso Patio do CEIP Sanjurjo de Carricarte é un dos tres gañadores da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade: Ludantia”. Escollido entre os 79 proxectos de 18 países presentados, o xurado valorou o traballo e dedicación de tanta xente e o valor que ten para os nenos e nenas: "é un proxecto moi convincente que proporciona unha rica experiencia de aprendizaxe non só para os nenos e nenas, senón tamén para as e os docentes, e as súas nais e pais. Valórase este proceso reflexivo dunha comunidade, na que os nenos e nenas son protagonistas e non destinatarios. O patio recoñécese como o espazo de creación de comunidade, como aula expandida. E o exercicio arquitectónico promove e expande a visión dos nenos e nenas cara ao mundo dos soños, para logo recollelo desde a idea á forma. A arquitectura é a arte de dar forma aos soños, ao novo, ao imaxinado. É unha mostra de como a arquitectura e os seus métodos lle achega á educación procesos de deseño participativo. Extraordinaria calidade dos deseños implementados, moitos deles realizados a man polos propios estudantes, profesores e pais."

A bienal será no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 10 e o 12 de maio e alí presentaranse os proxectos gañadores no marco do congreso de conferencias de persoas expertas na materia.

O goberno local destaca que este recoñecemento referenda “a importancia dos proxectos participativos que axudan a crear comunidade”. O Concello da Coruña saudou o feito de que o proxecto do CEIP Sarjurjo de Carricarte O Noso Patio, impulsado pola comunidade educativa do mesmo e posto en marcha coa colaboración do goberno local, veña de ser premiado en Ludantia, certame que se presenta “como unha plataforma dende a que compartir, debater, experimentar e difundir proxectos educativos e de investigación que traballen co espazo e nos que os e as mozas sexan as protagonistas”.

A concelleira de Participación, Claudia Delso, salientou que “o xurado entendeu que se trata dun proxecto moi convincente que non só aporta unha aprendizaxe importante aos e ás nenas, senón tamén a docentes e nais e pais”.

Durante os últimos meses de 2016, e a proposta do propio consello escolar do CEIP Sanjurjo de Carricarte, o goberno local, a través das áreas de Participación e Innovación Democrática e a de Xustiza Social, iniciou un proceso participativo con toda a comunidade do centro (alumnado, nais e pais e profesorado) co obxectivo de definir as melloras que precisaba o patio, que comezaron a implementarse ao longo do pasado ano e continuarán no presente exercicio. “ O Noso Patio é para nós un proceso participativo exemplar, xa que a iniciativa parte da sociedade civil e o Concello escoita, acompaña e aprende. Iniciativas así fannos construír, dende o común, a cidade que queremos: democracia e aprendizaxe colectiva deben ir da man e este é un gran exemplo”, comentou Delso.

Pola súa banda, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, indicou que o seu departamento leva xa investidos máis de 50.000 euros nos distintos procesos ligados ao proxecto de O Noso Patio, entre proceso participativo e distintas actuacións tales como a compra dos materiais que foron empregados na mellora do patio (plantas, pinturas, madeiras etc.), así como as obras de reforma das gradas. “A nosa intención é continuar coas actuacións de carácter construtivo para seguir definindo, entre todas, o novo patio”, dixo Cameán. “É necesario entender os espazos da escola como espazos que motiven o desenvolvemento, a creatividade e a imaxinación co fin de construír novas ideas. Un dos obxectivos fundamentais de O Noso Patio é crear comunidade, implicar a todos os actores educativos para que sintan o colexio como algo propio. O patio é un escenario de aprendizaxe e socialización, a súa reforma e a súa planificación entre toda a comunidade educativa non é algo menor”, reflexionou.