O Concello oferta 28 bolsas para persoas tituladas en FP para facer prácticas en empresas europeas

Do 2 ao 27 de abril estará aberto o prazo de inscrición para participar nos programas educativos Bolsas Europa FP-Proxecto Acoreuropa VI e VII, a través dos cales persoas tituladas en ciclos medios e ciclos superiores de FP poderán realizar prácticas formativas de tres meses en empresas de Austria, Italia, Irlanda, Francia e Portugal.

O programa Acoreuropa VI, na súa terceira convocatoria, oferta 18 bolsas para persoas tituladas en ciclos medios de FP en decembro de 2017 ou que se vaian titular en xuño de 2018, mentres que o Acoreuropa VII oferta 10 bolsas para persoas tituladas en ciclos superiores en decembro de 2017 ou xuño de 2018. As mobilidades desenvolveranse de mediados de setembro a mediados de decembro deste ano.

A inscrición pódese facer a través das correspondentes fichas habilitadas na web educativa municipal (www.edu.coruna.es), se ben posteriormente deberán presentar nalgún rexistro municipal ou doutras administracións a documentación requirida e que vén indicada nas bases dos programas.

O proxecto Acoreuropa está desenvolvido pola Concellaría de Xustiza Social e Coidados, a través do Servizo Municipal de Educación, en convenio co Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e os centros docentes asociados, contando coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

As bolsas cobren os gastos de desprazamento e aloxamento, ademais da busca de empresa e un contrato non laboral de tres meses de duración en empresas de Italia, Irlanda, Austria, Francia e Portugal. Tamén inclúen un seguro de responsabilidade e unha cantidade variable en función do país para colaborar na manutención e estadía das persoas participantes.

MÁIS INFORMACIÓN E ACLARACIÓN DE DÚBIDAS NO:

Servizo Municipal de Educación

Casa Paredes. Avda. da Mariña, 18 – 2ª planta. 15001 A Coruña

Correo-e: educación@coruna.es

Teléfono: 981 184 200, extensión 12114