Idiomas do Mundo

A metade dos alumnos e alumnas participantes no programa ‘Idiomas do Mundo’ viaxarán aos países de destino cunha bolsa municipal que cubre a totalidade dos gastos

Image
A lista provisional de persoas admitidas publicarase o xoves día 23, despois de que a empresa encargada da xestión e realización dos cursos asinara, o mércores día 22, o contrato co Concello

O Concello asinou este mércores o contrato coa empresa encargada da xestión e realización dos cursos de programa educativo Idiomas do Mundo, que levará a alumnos e alumnas de 4º curso da ESO viaxar, entre xullo e agosto, a distintos países de Europa durante catro semanas nun proceso de inmersión lingüística que permitirá aos e ás beneficiarias avanzar no dominio de idiomas como son o inglés, o francés e o alemán. Tal e como sinala a concelleira de Xustiza Social e Coidados, con competencias na área de educación, o programa permitirá ás 106 rapaces e rapazas admitidos de forma inicial obter unha acreditación do nivel de idioma acadado durante os cursos que se inclúen na actividade e, ao tempo, vivir unha experiencia de achegamento a outras culturas. Cameán salienta ademais que o programa municipal permitirá á metade dos e das beneficiarias participar nesta experiencia de balde, xa que o Concello concede bolsas completas a 52 das persoas adxudicatarias, e axudas do 90% a 14 estudantes máis. Como recorda, a actividade inclúe bolsas en dúas modalidades: totais, para aquelas persoas cuxa renda per cápita anual non supere os 8.387,15 euros, e parciais para rendas superiores; neste caso, a porcentaxe de achega das familias variará entre o 10% e o 50% do custo da praza, en función da renda familiar.

O xoves 23 publícanse as listas provisionais de persoas admitidas e o día 25 abrirase un período de reclamacións, ata o 6 de xullo. Ao día seguinte, o 7 de xullo, daranse a coñecer as listas definitivas, e entre o 8 e o 12 abrirase un novo período de aceptación das prazas e, no seu caso, de aboamento das achegas por parte das familias. O día 21 de xullo sairá o primeiro grupo con destino a Irlanda e nos seguintes dez días partirá o segundo de grupo a Irlanda e os grupos que viaxarán a Francia e Alemaña. A responsable municipal de Xustiza Social e Coidados indica que finalmente non haberá grupo con destino a Portugal, ao non terse recibido solicitudes suficientes.

O programa Idiomas do Mundo, cubrirá as clases intensivas de idioma do alumnado, a subministración de material para as mesmas e a realización de accións culturais e lúdicas, así como o seguimento e control da vida da alumna ou alumno na familia de acollida ou residencia -a estadía no país de destino levarase a cabo cunha familia ou nunha residencia, en réxime de pensión completa-, ademais das viaxes de ida e volta, e inclúe tamén unha xornada informativa de preparación específica para o alumnado participante e a proba do nivel académico acadado, para a obtención do diploma correspondente. O día 29 de xuño, ás 17.00 horas, haberá unha xuntanza informativa coas familias das e dos alumnos para abordar cuestións relativas á viaxe e a estancia.