Aberto ata o 31 de maio o prazo de inscrición para o concurso "Sensores para todos 2018"

Para inscribirse neste certame organizado por Igaciencia e o Concello da Coruña, hai que enviar un correo electrónico a secretaria@igaciencia.org cos seguintes datos: título do proxecto, autores (nome e apelidos, curso, centro educativo) e profesorado que coordina o proxecto (nome e apelidos, especialidade).

O concurso está dirixido a grupos de alumnos e alumnas de centros educativos de educación primaria ata bacharelato e formación profesional de grao medio, avalados na presentación por algún profesor ou profesora do centro. O concurso centrarase en experimentos con sensores con Arduino, Raspberry Pi, smartphones e tablets (Android ou IPhone) e robots Lego ou Mbot. Pero tamén aplicacións con GPS e, por que non, Internet das cousas, conectando en rede e coa rede os sensores.

Unha vez realizada a preinscrición, os equipos poderán dispoñer de asesoramento en liña, a través da web http://www.igaciencia.eu. Ademais, convocarase unha reunión informativa e de seguimento previsibelmente no mes de abril de 2018.

Para a entrega dos proxectos remitirase outro correo coa seguinte información:

  1. Ficha do proxecto: o título e un breve resumo do proxecto; autores: nome e apelidos, curso, centro educativo; profesorado que coordinou o proxecto; descrición e gráfico da montaxe: desenvolvemento do proceso e as súas dificultades; e análise de resultados e conclusións
  2. Número de cuestións ás que responde e a súa calidade.
  3. A programación efectuada, no seu caso.
  4. Breve presentación (vídeo, ppt, odt…)

Máis información: http://www.igaciencia.eu/node/279

Ficha do programa no Libro dixital 2017-2018