Programa Youtubeir@s

Image

A Coruña participa nesta iniciativa, a través do servizo de Normalización Lingüística, xunto con outros dez concellos galegos e as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, participou este martes en Santiago de Compostela na presentación do concurso Youtubeir@s, unha iniciativa na que o Concello coruñés colabora xunto cos servizos de Normalización Lingüística doutros dez entes municipais galegos -como son A Baña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove-, ademais das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, e que nace co obxectivo de fomentar o uso do galego na produción e divulgación de vídeos, ao tempo que atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual no que fai, sobre todo, ao papel activo dos e das youtubers na rede. Representantes das administracións colaboradoras mantiveron, previa á presentación, unha xuntanza para concretar as liñas de actuación conxuntas, de cara á promoción do galego como servizo á cidadanía e á toma de concienciencia sobre a importancia das TIC á hora de revalorizar a lingua. Como indican, Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que tódalas persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos, tendo en conta que hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, con máis de mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

O concurso de vídeos na rede dará comezo o vindeiro 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Segundo se recolle nas bases -dispoñibles na web do concurso, www.youtubeiras.gal,- poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña. Os vídeos deben ter unha duración máxima de cinco minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...). Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de 1.000 euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

O programa Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se han desenvolver de maneira parella ao concurso, estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, o que se busca é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Fonte: Concello da Coruña