Nova edición do 'dicionario de pronuncia da lingua galega'

O “Dicionario de pronuncia da lingua galega” foi publicado en papel no ano 2010, en edición da Real Academia Galega

Image

(RAG), no marco dun proxecto de colaboración entre o ILG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un ano despois, en 2011, o ILG-USC e a Consellería de Cultura e Educación renovaron esta colaboración para dotar o proxecto inicial dunha dimensión dixital ampla, coa edición dunha versión electrónica que incluíu por primeira vez a locución do léxico. 60000 pronuncias, gravadas coa colaboración da Compañía Radio-Televisión de Galicia -por medio da Radio Galega- engrosaron a súa funcionalidade e utilidade, tanto a nivel investigador como docente ou profesional.

A nova versión ampliada e mellorada que se presentou hoxe constitúe un recurso que ofrece en liña o léxico galego contido no dicionario da RAG achegando as transcricións fonéticas e locucións correspondentes a unhas 68000 formas gravadas. Amais de incorporar as voces máis recentes do dicionario da RAG, o “Dicionario de pronuncia da lingua galega” recolle xa os 1000 nomes propios de persoa máis frecuentes, 1500 apelidos galegos e os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros, nunha aplicación informática que permite realizar as buscas por formas fonéticas ou por cadeas de sons. O dicionario engade desta volta voz feminina, a da coñecida xornalista Belén Regueira.

Facilitarlle a aprendizaxe do galego á cidadanía e ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais do ámbito da lingua, dos medios de comunicación ou das administracións son os obxectivos da ferramenta lingüística, á que se pode acceder de balde en http://ilg.usc.es/pronuncia.

Fonte: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria