Día de Rosalía de Castro 2017

Image

Desde a AELG, convidan á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo. Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:

Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos para o venres 17 de febreiro a gravación no centro dun Mannequin Challenge. Respondendo ao lema desta iniciativa (#RosalíaTe), propoñemos que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía (de modo, por exemplo, que no vídeo resultante se poidan ler versos completos de Rosalía de Castro, ou que se poidan intuír artisticamente os contidos da súa obra…).

Estes vídeos serían subidos polo centro á rede, antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe.

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas de ensino o lema da proposta #RosalíaTe pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno converterse na Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa das súa obra, propoñemos para o venres 17 de febreiro que cada alumna/o elabore unha máscara de Rosalía de Castro. Esta “transformación” tamén pode conseguirse cun traballo de caracterización física da cara.

Esta iniciativa pretende, ademais, que unha vez feito este traballo, o alumnado o comparta coa súa familia e, particularmente, cos seus maiores (sexan familiares, veciñas e veciños…). Para isto faríanse fotos do alumnado caracterizado de Rosalía acompañado das súas persoas maiores, portando entre ambos un pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno.

A documentación gráfica sería subida á rede polo centro de ensino antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe.

Pódese comunicar no seguinte correo (oficina@aelg.org) a intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na web e colaborar así na súa difusión.

Fonte: AELG