Certame 'Cooperativismo no ensino'

Orde do 23 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Finalidade

  1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
  2. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Participantes

  1. Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, presentando os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos nestas bases.
  2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Modalidades

O alumnado dos centros educativos de Galicia poderá presentar os traballos nas seguintes modalidades:

  1. Actividades artísticas tales como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos dirixidas ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.
  2. Actividades cooperativizadas dirixidas ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.
  3. Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 30 de abril de 2017

Acceso ao DOG