Axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego

Orde do 29 de decembro de 2016 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2016/17.

A presentación e a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino de Galicia dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino que conten con menos de seis unidades, durante o curso escolar 2016/17, e o establecemento de axudas que apoien o seu financiamento.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Destinatarios.

Os centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario.

Requisitos.

  1. Os proxectos e as actividades desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.
  2. Quedan excluídos das axudas reguladas nesta orde aqueles centros que non xustificasen as axudas recibidas ao abeiro da Orde do 1 de decembro de 2015 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2015/16 (ED101C) (DOG do 30 de decembro de 2015).
  3. Para cumprir coa obriga da axeitada publicidade que impón o artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os centros que reciban axudas para elaborar os proxectos de fomento do uso do galego ao abeiro desta convocatoria están obrigados a integrar o logotipo oficial dos equipos de dinamización da lingua galega tanto nos seus espazos web como nos documentos que difundan as actividades destes equipos. Para poder facelo, a coordinación territorial dos equipos de dinamización da lingua galega remitiralles aos centros o correspondente arquivo. Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima do equipo de dinamización da lingua galega, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia

Acceso ao DOG