Axudas ao alumnado universitario para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea

Orde do 15 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2017, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 150 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2017 do alumnado universitario matriculado no curso 2016/17 nalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Período e dotación da axuda

  1. As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2017, ambos os dous inclusive.
  2. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 900 euros.

Requisitos dos/das solicitantes

  1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
    1. Estar matriculado no curso 2016/17, como mínimo en 50 créditos, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica, e ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que está a realizar.
    2. O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de marzo de 2017.

Acceso ao DOG