Aberta a participación no programa Explorer “Jóvenes con ideas”

Image

Explorer é un programa que impulsa o talento novo e a xeración de proxectos innovadores nunha contorna dixital, aberta e colaborativa.

Impulsado polo Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander de Emprendemento, representa a evolución de Santander Yuzz. Na Universidade da Coruña conta con 80 prazas e dous espazos reservados nos campus coruñés e ferrolán.

Dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos, os/as seleccionados/as poderán beneficiarse do acceso ao Explorer Space UDC, un centro de coworking de alto rendemento onde desenvolverán as súas ideas de forma colaborativa durante 5 meses; de asesoramento personalizado, e de formación dunha rede de máis de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.

Premios

Os tres mellores proxectos do programa recibirán 30 000, 20 000 e 10 000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.

Ademais, os/as autores/as dos proxectos mellor valorados do Explorer Space UDC, un por cada campus, viaxarán a Silicon Valley.

Grazas á colaboración coa Fundación EY, Explorer outorga tamén o premio Woman Explorer Award, dotado con 20 000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora, e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award, promovido por INDRA, con 3 000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures para os/as autores/as do proxecto de negocio máis innovador.

Inscrición

A inscrición debe realizarse a través da plataforma global www.jointheX.org. O prazo remata o 8 de decembro de 2017.