Identificación
Biografía de Uxío Novoneyra: “O poeta do Courel”. (1930-1999)
Ademais de ser a voz do Courel e un dos grandes poetas da Galicia do Século XX, Uxío Novoneyra era un home comprometido coa súa terra e coas súas xentes, cunha obra non moi extensa pero significativa e de gran densidade. Era, un comunicador extraordinario pero sobre todo, Uxío Novoneyra foi un mestre da poesía.
Novoneyra –no seu carné de identidade figuraba o castelanizado “Eugenio Novo Neira” – nace en Parada de Moreda –O Courel– o 19 de xaneiro de 1930, fillo de labradores. Á vez que estudaba bacharelato en Lugo, empeza a escribir poesías. Superado o exame de Estado –unha especie do que actualmente equivale a 2º de Bacharelato– comeza a estudar, como oínte, Filosofía e Letras na Universidade de Madrid.
Retorna a Galicia en 1952 para facer na Coruña, Santiago de Compostela e Lugo, o servizo militar e dá inicio á súa creación poética en galego. Unha inflamación do pulmón –pleuresía– mal curada, adquirida durante a súa permanencia no Exército, fai que estea dez anos inactivo, gardando repouso na súa terra natal.
En 1962 establece a súa residencia en Madrid e traballa en programas de radio e televisión relacionados con poesía galega, española ou universal, como “Poesía e imaxe”, “Versos de Medianoite” e “Poesía en Compostela”. En 1966, regresa á súa casa de Parada de Moreda, debido a unha enfermidade dos seus pais e desde este momento queda a vivir en Galicia. En 1971, falece o seu pai e dous anos despois, a súa nai.
Contrae matrimonio con Elba Rei en 1973, coa que ten tres fillos que residirían entre O Courel e Lugo. Dende 1983 vivía en Santiago de Compostela e falece, aos 69 anos de idade, no Hospital Gil Casares xusto o día, 30 de outubro de 1999, en que ía ser obxecto dunha homenaxe. Uxío, levaba xa tempo con saúde quebrantada por mor dun cancro.
O velorio instálase no Panteón de Galegos Ilustres que se atopa nunha capela lateral esquerda da igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, e o enterro ten lugar, nun acto laico, no cemiterio de San Froilán–Lugo.
Máis información ›› Accede á biografía completa dun dos máis destacados poetas do Século XX, a través das seguintes Webs oficiais:
|
|
|
|